Ponteareas vístese de danza e música internacional co festival “Danzando entre Culturas”

Unha representación de Eslovaquia e outra de Taiwán uniranse á Agrupación Folclórica Algazara na noite do domingo, 2 de agosto, no Parque da Feira Vella

Q55A0743Os Xardíns da Xiralda do Concello de Ponteareas acolleron a presentación oficial do festival “Danzando entre Culturas”, que terá lugar o vindeiro domingo 2 de agosto a partir das 21:30 horas no Parque da Feira Vella.

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, acompañada do alcalde ponteareán Xosé Represas e de varios membros da Agrupación Folclórica Algazara, entre os que se atopaba o seu presidente, José Manuel Campos, mostrou unha especial satisfacción pola celebración dun evento co que se “trae a Ponteareas a tradición musical e de danza de lugares moi diversos, tanto de Galicia como doutros puntos moi afastados do noso país, descoñecidos para a maioría de nós”.

Ademais da Agrupación Folclórica Algazara, que actuará como representante local coa posta en escena de bailes tradicionais recollidos de distintas zonas de Galicia, os asistentes poderán gozar, de balde, dos espectáculos ofrecidos polo grupo eslovaco Folklore Group Pol´ana e pola asociación taiwanesa Fang-Shiang Dance Theater.

A primeira delas traballa na Universidade Técnica de Zvolen e está composta, na súa maioría, por estudantes. O programa deste grupo inclúe danzas e cancións das rexións de Podpol´anie, de Horehronie e de Cierny Balog. Esta agrupación incluirá actuacións instrumentais con harmónicas, acordeóns e asubíos. Ademais, un dos principais atractivos virá en forma dunha frauta denominada “Fujara”, un instrumento de máis de dous metros de altura que conta con 3 buracos e que está considerado unha obra mestra do patrimonio oral e intanxible da humanidade.IMG_1921

A segunda vén dende máis lonxe, concretamente de Taiwán. Trátase da asociación Fang-Shiang Dancing Theatre, que conta con máis de 20 anos de historia e con máis de 30 membros, con idades comprendidas entre os 7 e os 20 anos. Esta agrupación céntrase na creación e promoción de danzas chinesas e taiwanesas e foi recoñecida polo Centro de Asuntos Culturais de New Taipei City.

A concellería de Cultura anima a todos os veciños e veciñas, de dentro e de fóra de Ponteareas, a gozar dun festival que mestura un carácter local e internacional para coñecer a cultura musical e de danza de diferentes partes do mundo.