Ponteareas vestiuse de rosa

A marcha solidaria coas doentes de cancro de mama organizada pola Asociación We Can Be Heroes contou coa participación de miles de persoas e varios membros do goberno local

cQ55A3487Máis de 1.400 escolares e outros tantos centos de persoas se deron cita en Ponteareas para marchar en solidariedade coas doentes do cancro de mama, aproveitando a celebración do Día Internacional do Cancro de Mama.

O evento, que empezou e acabou una Praza Maior da vila, percorreu un traxecto de 5 quilómetros que pasou por diversos puntos do concello e que tivo no Estadio Municipal de Pardellas unha parada estratéxica para almorzar e bailar cos monitores de zumba da piscina do Complexo Álvaro Pino.

Un acto no que participaron nenos e nenas de diversos centros educativos de Ponteareas, varios clubs deportivos da vila e outros tantos centos de persoas particulares que decidiron apoiar unha actividade destinada a recadar fondos para loitar contra este tipo de cancro, ataviados todas elas con camisetas e lazos solidarios.

O alcalde, Xosé Represas, a concelleira de Sanidade, Vanesa Fernández, e outros concelleiros e concelleiras representaron ao goberno municipal ponteareán. A edil de Sanidade apuntou que se trata “dun dos tumores máis frecuentes entres as mulleres deste país” pero tamén recordou que é “un dos tipos de cancro no que houbo máis avances tanto no diagnóstico como no tratamento”. Fernández definiu este luns “como un día positivo no que queremos dicirlle a todos e a todas as que nos escoitan que desta doenza se sae cun gran sorriso e con moita forza. Dende aquí brindamos o noso especial recoñecemento a todas as grandes loitadoras que enforntan día a día esta enfermidade”.

O rexedor quixo “agradecer espeicalmente o traballo da asociación na organización dun evento coma este e agardou que todo aquilo que puidera ser recadado axude a potenciar a investigación nesta área”.