Ponteareas tramita o pago de 420 axudas directas para afectados pola COVID-19

O vindeiro día 15 data límite para solicitar estas axudas ás que o Concello destina 230.000 euros

O goberno do BNG-PSOE informa que os servizos municipais están realizando os trámites para facer efectivo o pago das axudas directas aos afectados polo Covid-19, por peche de actividade e perda de volume de facturación. A día de hoxe rexistráronse 540 solicitudes das que resultaron con dereito á axuda 420 solicitantes. Nestes intres o Concello xa concedeu e deu orde de pago a 182 estando en proceso de alegación 44 e 194 en revisión de documentación.

O Concello concede axudas de 500 euros a todos os negocios que pecharon a súa actividade e de 300 euros aos que demostraron perdas superiores ao 40%. As solicitudes poderanse presentar ata o vindeiro día 15 de xullo, 30 días despois de finalizado o estado de alarma, por parte dos emprendedores, autónomos e empresas afectadas polo coronavirus.

A tramitación das peticións por perdas é complexa pola documentación necesaria para xustificar a menor cifra de negocio, tamén hai un numeroso grupo de solicitudes incompletas ás que se lle require documentación para que poidan ser atendidas todas as peticións das actividades ás que vai destinada a convocatoria de axudas directas. Tramitación realizada polo persoal municipal de forma telemática, demostrando tamén a capacidade de adaptación a esta nova situación do estado de alarma para que a administración municipal seguise funcionando.

O obxectivo destas axudas é promover a actividade económica en Ponteareas, cun apoio que minimice o impacto da crise económica provocada polo Covid-19. A finalidade é reactivar a economía do concello despois do estado de alarma, dahí a necesidade de apoiar directamente as persoas e empresas máis afectadas.

Como xa se comunicou, o Pleno do Concello de Ponteareas aprobou recentemente unha modificación do orzamento que contempla destinar a estas solicitudes un total de 230.000 euros para que ningunha das persoas afectadas quede sen recibir esta axuda.

Estas axudas son ademais compatíbeis coa percepción doutras subvencións do Estado ou da Xunta de Galicia.