A corporación aproba no pleno un discurso consensuado por todas as forzas da corporación que será lido o vindeiro 25 de novembro
O Concello de Pontearas terá unha mesma voz o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. O pleno da corporación vén de aprobar por unanimidade a moción referida ao manifesto consensuado por todas as forzas políticas da corporación que será lido o mencionado día ás 12:00 horas na porta do Centro Social Municipal, situado na rúa Oriente nº8.
O texto foi elaborado co traballo conxunto de todos os grupos municipais que forman a corporación nunha comisión celebrada en días previos á sesión plenaria, e foi acordado tamén por todos eles someter o resultado desta colaboración a votación no pleno municipal.
O texto, que incide na necesidade de dotar de partidas orzamentarias que se viñeran recortando nesta materia aos presupostos das Comunidades Autónomas e do Estado, foi lido pola concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, quen agradeceu “os aportes e a participación de todos os grupos, pois isto garante que na loita contra esta lacra social non haxa cor política”. Ademais, a edil de Igualdade salientou “a importancia de aprobar este texto en sesión plenaria e así poder trasladar este acordo aos presidentes da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado”.
Transparencia e Bo Goberno
A corporación tamén fixo efectiva a aprobación de dúas propostas do goberno relacionadas coa ordenanza de transparencia, acceso a información pública e reutilización de datos e coa adhesión ao Código Ético e de Bo Goberno do Plan de Transparencia do Goberno para as Entidades Locais.
As propostas foron tratadas de maneira conxunta e votadas por separado, sendo a primeira aprobada por unanimidade e contando a segunda con todos os votos favor agás a abstención do grupo municipal EU-Son. Ámbalas dúas iniciativas foron presentadas o pasado 11 novembro polo alcalde, Xosé Represas, o concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez e a concelleira de Réxime Interior, Cristina Fernández.