Ponteareas súmase ao pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía

O Concello de Ponteareas vén de acordar en pleno por unanimidade a súa adhesión ao “Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía”, o maior movemento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático.

A adhesión a este pacto, que vai na liña da estratexia de cambio “Ponteareas Hábitat Saudábel”, implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.

Ademáis, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.

Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, o Concello debe elaborar e presentar un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.

Este Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible debe incluir medidas para o freo do cambio climático, consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos.

O Concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e conta tamén co apoio dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Coa adhesión ao Pacto, Ponteareas contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa se poñen en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Con este paso, o Concello de Ponteareas intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático