Ponteareas súmase ao Día Europeo Sen Coches

Mañá martes celebraranse distinas actividades que promoverán o uso da bicicleta

3.136 cidades europeas paticiparon en 2019

No marco da Semana Europea da Mobilidade, Ponteareas súmase ao Día Europeo Sen Coches cunha xornada de actividades que terá lugar mañá martes e na que se promoverá o uso de bicicletas como alternativa para os desprazamentos, así o anunciou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, que adianta que por vez primeira Ponteareas se suma ao evento anual “A cidade sen coche” no que en 2019 participaron 3.136 cidades europeas.

Durante todo o día, o establecemento Toñi Porto Bicimecánica ofrece revisión de balde de bicicletas. Ás 16:30 abrirase a ciclovía da Praza da Perillana, unha rúa perimetral da praza que a partires do día 22 pasa a estar reservada de maneira permanente para o uso da bicicleta, permitíndose unicamente o acceso a garaxes a 10 km/h e con preferencia de bicis e peóns. Ás 17:30 na rúa Rogelio Groba iniciarase a actividade “Ponte no seu lugar”, en colaboración con Adapta, coa que os participantes poderán vivir a experiencia das dificultades de mobilidade nunha cadeira de rodas. A partires das 18:00 procederase a pechar ao tráfico a rúa Constitución e a Praza de Bugallal, xenerando un amplo espazo sen vehiculos xunto coa Praza Maior, Rúa da Esperanza e Rúa de Oriente. Nese espazo desenvolverase unha xincana en bicicleta en colaboración co Club Ciclista Ponteareas e Biziebike con agasallos para todas e todos os participantes.

Ponteareas participa dende o 16 de setembro na Semana Europea da Mobilidade que desenvolve unha campaña de ámbito europeo destinada a sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e vilas, tanto para a saúde pública como para o medioambiente e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostíbeis coma o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé. A Semana Europea da Mobilidade celébrase desde 1999 do 16 ao 22 de setembro con actividades para promocionar a mobilidade sostíbel.

Esta iniciativa da resposta ás peticións feitas polos propios nenos e nenas que reclamaron en distintas ocasións espazos específicos para a práctica segura de actividades de tempo de lecer e vai na liña dos proxectos iniciados para posicionar Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia.