Ponteareas súmase ao colector marrón

Ponteareas súmase ao colector marrón

 

O Concello acadou fondos europeos para a implementación deste sistema para a recollida separada dos residuos orgánicos   

 

O Concello de Ponteareas avanza na organización, xestión e tratamento dos residuos e dá un paso máis para adaptarse á nova lei que obriga a vivendas, negocios e produtores a separar os seus restos orgánicos. O Goberno municipal vén de conseguir fondos europeos para comezar o proceso de implementación do quinto colector para a recollida selectiva de biorresiduos, restos de alimentos e vexetais, un proxecto no que a Concellaría de Medio Ambiente leva traballando moitos meses.

 

Neste sentido, o Concello comezará a dotar dun colector marrón zonas do centro urbano que atenderán a arredor de 1.400 vivendas, tanto de particulares como de grandes xeradores. A iniciativa incluirá ademais caldeiros domésticos para acumular os restos orgánicos de uso doméstico, caldeiros para grandes xeradores e bolsas compostábeis, así como unha campaña de información e sensibilización a toda a veciñanza.

 

Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, “Ponteareas continúa así apostando pola economía circular, eliminando do lixo unha importante cantidade de residuos que poderemos reutilizar elaborando compost de calidade. É unha medida que suporá un importante beneficio medioambiental tanto pola eliminación da emisión de gases de efecto invernadoiro”.

 

A primeira experiencia comezará ao longo deste ano 2022 cun proxecto será financiado con fondos propios do Concello e con case 52.000 euros dunha subvención para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal cofinanciada polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, sufragado pola Unión Europea-Next Generation UE.