Ponteareas súmase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

O historiador Clodio González e alumnado do IES Pedra da Auga participan nun encontro no que se falará desta institución cultural e dun dos seus fundadores, o ponteareán Fermín Bouza Brey

Será este xoves 30 de marzo ás 10.45 horas na sala multiúsos do auditorio

Ponteareas súmase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos GalegosPonteareas súmase á programación para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos, a entidade que na década dos anos 20 normalizou a presenza do galego no ámbito científico e desenvolveu un inxente labor na investigación sobre o patrimonio cultural material e inmaterial galego. Será cun encontro no que se afondará sobre esta institución cultural e un dos seus fundadores, o historiador, etnógrafo e escritor ponteareán Fermín Bouza Brey.

O Concello de Ponteareas e o Museo do Pobo Galego poñen en marcha este encontro coordinado polos departamentos de Lingua Castelá e Lingua Galega do IES Pedra da Auga. Nel participarán alumnado do propio centro educativo e Clodio González Pérez, recoñecido mestre, etnógrafo, historiador e conferenciante cunha abundante produción humanística e membro da Real Academia Galega.

O acto será ás 10.45 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e nel farase unha presentación e lectura arredor do centenario do Seminario de Estudos Galegos e da figura e obra de Fermín Bouza Brey.

“Para o Concello de Ponteareas é un orgullo participar co noso gran de area nos actos conmemorativos desta institución cultural que supuxo un salto cualitativo na comprensión, coñecemento e difusión da cultural galega”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.