O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista, destinou no 2017 un total de 40.000€ en axudas ao mantemento e a actividade cultural das casas e centros culturais do concello. “Convocatoria de subvencións, que a diferencia de épocas anteriores, se realiza no mandato actual todos os anos e que se suma a outros apoios como son as actuacións de grupos locais e de realización de cursos de actividade”, afirmou a concelleira de Cultura.
Conscientes da importancia dos centros culturais para a promoción das artes, da lectura, da dinamización cultural, da música e da formación, entre outros moitos aspectos, e do papel fundamental que xogan como axente socializador, a Concelleira de Cultura anuncia que incrementará esta partida para este ano 2018.
Desta subvención de apoio á cultura destinada aos centros e casas culturais do Concello de Ponteareas foron beneficiarias as 25 casas culturais que se presentaron.
Ademais, esta concellería destinou arredor de 30.000€ ás actuacións do Plan Cultural e aos cursos de formación impartidos nos centros culturais.
Segundo Hortensia Bautista, co obxecto de poñer en valor os centros culturais, esta subvención está entre as prioridades deste goberno que consolida este compromiso de apoio ás iniciativas veciñais.