Ponteareas sube o pano dunha semana chea de teatro

 

Dende mañá, ata o sábado, as rúas do municipio acollerán 14 actuacións para todos os públicos e con entrada de balde

 

Mañá Ponteareas volverá a subir o pano da cuarta edición do “Festival Internacional de Teatro de Rúa”. Unha das actividades máis destacadas dos últimos veráns do concello, e que este ano conta con 14 actuacións que se prolongarán ata o sábado. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destacou o “gran valor artístico” deste festival que “trae a Ponteareas a grupos moi recoñecidos no ámbito teatral, entre eles un catalán, un cubano, e outro arxentino”. 

 

Os escenarios destas representacións serán as rúas de Ponteareas pero, no caso de que chova, as actuacións terán lugar no patio cuberto do CEIP Nosa Señora dos Remedios. Nesta edición o teatro tamén terá gran presencia a música, xa que os espectáculos itinerantes estarán acompañados das charangas Alecríns, SDK e The Turre’s Band.

 

O festival comezará mañá ás 19.00 horas, nos xardíns da Xiralda, co espectáculo itinerante da Compañía Opakar de Cataluña, que percorrerá os xardíns, a praza de Bugallal, a rúa Oriente, a Praza Maior, A Arxentina, ata rematar na praza Doutor Fernández Vega ás 19.30. A esa hora no mesmo lugar será a quenda do mago cubano Yimi Mouler, que volverá ceder o protagonismo ás 20.30 a Opakar para que realice o seu espectáculo no sentido contrario, dende Doutor Fernández Vega ata os xardíns da Xiralda. 

 

O mércores o festival comezará de novo ás 19.00 horas co espectáculo de Opakar. Esta vez o percorrido partirá do Paseo Matutino ata o Parque da Feira Vella, pasando por Rogelio Groba Groba, praza de Bugallal, Vidales Tomé, e Emilio Rodríguez. Ás 19.30 h as persoas que asistan ao Parque da Feira Vella poderán desfrutar da actuación de circo da Compañía AsacoCirco (Galicia)e, dende o mesmo lugar, ás 20.30 horas Opakar volverá a facer outro percorrido teatral ata o parque das Pombas. 

 

A compañía galega EducaTeatro abrirá a xornada do xoves coa súa actuación itinerante “Ponteareas é un conto”. Comezará ás 19.00 horas no praza Doutor Fernández Vega, e rematará no parque da Perillana ás 19.30 horas. Momento no que os monicreques da Compañía Micromina Títeres collerán as rendas do espectáculo, para cederllo de novo a EducaTeatro noutro percorrido teatral que rematará nos xardíns da Xiralda. Lugar onde se pechará ás 21.00 horas o terceiro día do festival co teatro clow da Compañía Pablo Picallo de Arxentina.

 

As actuación do sábado tamén abrirán o pano ás 19.00 horas co espectáculo “Ponteareas é un conto” de EducaTeatro. Esta vez o percorrido partirá dos Xardíns da Xiralda para rematar no Parque da Feira Vella.  Alí, media hora máis tarde, volverán os monicreques da Compañía Micromina Títeres e, ás 20.30 horas, EducaTeatro levará o público co seu teatro ata a Praza Maior. Lugar que acollerá o peche do festival coa actuación ás 21.00 da Compañía Pakolas.

Esta actividade está financiada ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.