Ponteareas, sede da 2ª Copa Galega de Promoción de Slalom

 

A praia da Freixa, no Concello de Ponteareas, acolle a 2ª proba da Liga Galega de Promoción de Slalom

 

150 deportistas de entre 6 e 14 anos porán a proba as súas habilidades coa piragua este domingo, a partires das 11:00h na Praia Fluvial da Freixa en Ponteareas.

 

A 2º Copa Galega de Promoción de Slalom arrincará cos clásicos “abridores”, unha demostración por parte de piragüistas de categorías superiores. E, de seguido, darán comezo as competicións prebenxamíns, benxamíns, alevíns e infantís.

 

O evento contará coa presenza de clubs de Lugo, A Coruña e Pontevedra. O concelleiro de Deportes ponteareán, Miguel Bouzó, sinalou que se trata dun evento deportivo “importante para Ponteareas xa que, ademais de darlle maior visibilidade ao piragüismo, contribúe á posta en valor dun espazo natural do máximo nivel como é o río Tea, atraendo visitantes de diversos lugares do país que pasarán a xornada na nosa vila”.

 

Segundo o presidente do Club Tea de Piragüismo, Manuel Freiría, “a do domingo será unha xornada moi especial polas características da proba. Trátase dunha proba de habilidade que resulta moi espectacular para o público en xeral”.