Ponteareas reúnese coa Xunta para que asuma as súas responsabilidades de política social no municipio

Ponteareas reúnese coa Xunta para que asuma as súas responsabilidades de política social no municipio

 

Tras un encontro co equipo de Goberno, a conselleira de Política Social aceptou parte das demandas esixidas

A alcaldesa valora de forma positiva o resultado do encontro, aínda que asegura que o Concello “continuará traballando para que a Xunta se faga cargo de todos os servizos dos que ten a competencia exclusiva”

O Concello de Ponteareas continúa a dar pasos para que a Xunta de Galicia asuma parte das competencias que lle corresponden como ente autonómico en materia de política social no municipio. A alcaldesa Cristina Fernández Davila, a concelleira de Benestar Social Verónica Carrera e o edil de Facenda Pancho Alonso reuníronse este venres en Santiago coa conselleira de Política Social, Fabiola García, quen se comprometeu a facerse cargo dalgúns aspectos dos servizos públicos que asume o Concello a pesar de ter a Xunta competencia exclusiva, buscando fórmulas para melloralos.

 

A rexedora ponteareá valorou de forma moi positiva este primeiro paso adiante “para equilibrar a situación”, aínda que asegura que queda moito camiño por diante e que “seguiremos traballando con determinación para que a Xunta asuma a xestión e o gasto dos servizos dos que ten plena competencia, ao igual que o Concello fai fronte aos que son da súa responsabilidade”. Durante o encontro, a alcaldesa recordou á conselleira que “cada ano o Concello gasta 1,6 millóns de euros só en servizos de política social que dependen do Goberno autonómico e que ten abandonados, servizos que a Xunta si está a asumir noutros municipios”.

 

Escola infantil e residencia de maiores

Durante o encontro, conselleira, alcaldesa e edís abordaron a situación da Escola Infantil, con dúas aulas pechadas e 29 prazas menos tras o expediente sancionador imposto pola Xunta por unha polémica ampliación do centro educativo realizada en 2006 sen autorización pero que o Goberno autonómico permitiu durante 14 anos.

 

A pesar de que ata o de agora a Xunta só permitía realizar as obras de adaptación coa escola pechada, o cambio de criterio da Consellería nesta reunión permitirá realizar estes traballos por fases. A Xunta comprometeuse a colaborar na realización destas obras e a estudar a súa achega económica despois de que o Concello achegue un plan detallado de execución das actuacións necesarias. Ademais, o Goberno municipal porá a disposición da Xunta os terreos para que o Goberno autonómico poida construír unha nova escola municipal tras a aprobación do PXOM, compromiso ao que se chegara en 2015.

 

Na reunión tamén se acordou que a Xunta axilizaría o trámite de resolución do procedemento sancionador aberto contra a residencia de maiores Santa Ana. A Xunta decidiu sancionar a este centro por acoller usuarias e usuarios dependentes cando as prazas son para persoas con autonomía, xa que o Concello decidiu mantelas na residencia “para darlles unha alternativa asistencial e salvagardar a súa saúde mentres agardan por unha praza nun centro especializado dependente da Consellería de Política Social que non termina de chegar. É fundamental que non se demoren os tempos no proceso de reubicación de usuarios e usuarias dependentes”, como salientou a edil de Benestar Social.

 

Ademais, o Goberno municipal volveu trasladar á Consellería a necesidade de que acometan obras na residencia “para contar cunhas instalacións dignas”, unha demanda histórica por parte de Ponteareas. A oficina técnica do Concello enviará unha informe coas necesidades máis urxentes, un informe que actualizará o xa presentado nunha reunión mantida en 2018 co anterior alcalde, Xosé Represas, e ao que se lle suman novos traballos de mellora indispensables para o bo funcionamento do centro.