Ponteareas retoma a Semana das Ciencias e a Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de forma presencial

Ponteareas retoma a Semana das Ciencias e a Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de forma presencial

A alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro participativo cos centros educativos para falar da programación de actividades

 

Ponteareas retoma a súa actividade con normalidade tras a crise sanitaria. A vila volverá celebrar de forma presencial a Semana das Ciencias e a Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas, aínda que con todas as medidas de seguridade necesarias. A alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro participativo cos centros educativos para falar da programación de actividades a realizar ao longo deste curso escolar. “Estamos traballando todas e todos xuntos para volver pouco a pouco a unha normalidade segura e poder ofertar diferentes accións e tamén abrir as portas da nosa comunidade educativa á veciñanza en xeral”, salientou a rexedora.

 

Deste xeito, o vindeiro mes de febreiro Ponteareas acollerá a cuarta edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas, que este ano tivo que ser cancelada por mor da situación sanitaria. Trátase dun encontro no que os centros formativos achegarán ao alumnado información sobre as modalidade que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu currículo educativo, un verdadeiro escaparate da oferta de ensinanzas profesionais para que alumnado e público xeral poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e os diferentes perfís profesionais que se imparten.

 

Tras unha edición telemática este 2021, a Semana das Ciencias retomará o vindeiro ano a súa presencialidade cun ambicioso evento que divulgará coñecemento científico do 21 ao 25 de marzo. Será un punto de encontro de persoal investigador e colectivos científicos que situará a Ponteareas como punto de referencia científico en Galicia durante unha semana e co que se pretende “fomentar o interese por distintas áreas entre o alumnado de Ponteareas e difundilas entre a nosa veciñanza, incentivando a súa participación”.

 

Ademais, durante o encontro tratouse a posibilidade de volver a retomar os obradoiros, aínda que a súa celebración nas dependencias educativas dependerá das medidas de seguridade que decida establecer cada un dos centros.