Ponteareas restablece a zona azul tras case tres meses suspendida

O Concello de Ponteareas decidíu restablecer o funcionamento do estacionamento en zona azul tras case tres meses suspendida por causa da crise sanitaria. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, quen sinalou que desde hoxe mércores os condutores e condutoras deben retirar o correspondente billete nos parquímetros e cumprir co límite de hora e media de estacionamento.

 

O edil nacionalista indicou que durante esta semana se realizará un labor de información entre os usuarios da zona azul para dar a coñecer a reactivación do sistema de control do estacionamento. A partires do luns día 8 controlarase como de costume o cumprimento das normas desta zona e se sancionarán as infraccións.

 

Para mellorar o servizo, nos últimos días procedeuse á renovación dos teclados dos parquímetros e á instalación duns adhesivos con información sobre o seu uso e funcionamento. Tamén se instalará nesta semana información lembrando a necesidade de empregar luvas ou lavar as mans con solución hidroalcohólica cando se empreguen os teclados.

 

Mera salienta que a reactivación da zona azul é “unha medida necesaria, unha vez que a actividade comercial se comeza a normalizar. Este sistema de estacionamento facilita a rotación e o aproveitamento do espazo por máis usuarios beneficiando ao comercio local”. O concelleiro adiantou que nos vindeiros meses a zona azul se ampliará a novas zonas.