Ponteareas renova o seu compromiso coa promoción empresarial e o emprendemento

Concello e Deputación de Pontevedra asinaron un novo convenio de colaboración para a oficina de SmartPeme

O ano pasado o servizo ofreceu máis de 150 asesoramentos

Ponteareas renova o seu compromiso coa promoción empresarial e o emprendemento local. O Concello e a Deputación de Pontevedra asinaron un novo convenio de colaboración para realizar actividades a través da oficina da rede SmartPeme en Ponteareas, que actualmente está situada no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea.

Como sinala a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, con esta renovación “dende o Concello continuamos traballando para favorecer que os nosos veciños e veciñas poidan iniciar o sempre duro camiño do emprendemento coa capacitación, o apoio e o asesoramento necesarios”.

Durante o pasado 2021, a oficina de SmartPeme situada en Ponteareas realizou máis de 150 asesoramentos e organizou 19 talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron máis de 500 persoas das comarcas do Condado-Paradanta.

Ademais, o programa SmartPeme oferta a persoas emprendedoras, autónomas, asociacións e axentes de dinamización dos concellos servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación. “Nestes intres é fundamental achegar as novas tecnoloxías ás pemes para mellorar a súa competitividade, para continuar creando emprego e que a actividade económica na nosa vila siga mellorando resultados”, resaltou a edil.