Ponteareas rematará os traballos técnicos do PXOM en tres meses

Os veciños e veciñas de Ponteareas amosaron o seu compromiso e interese polo futuro de Ponteareas e trasladaron onte ao equipo de goberno cuestións relacionadas con PXOM, o abastecemento, a futura circunvalación e a seguridade da N-120.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, o concelleiro de Medio Rural, Manolo Troncoso; a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, deron resposta ás principais preocupacións dos asistentes.

No encontro mantido entre o grupo de goberno, o director do Plan Xeral e a veciñanza explicouse a situación actual de tramitación deste documento de ordenación urbanística e os pasos dados nos últimos meses. O director técnico do Plan asegurou que en tres meses estarán rematados os traballos técnicos de axuste do documento urbanístico en base aos requerimentos da Xunta. Traballos que se están a realizar en coordinación coa Dirección Xeral de Urbanismo.

Estes axustes técnicos terán que ser refrendados polo pleno da Corporación e serán remitidos á Xunta que terá que resolver no prazo máximo de tres meses. 

Entre algúns dos requerimentos están os relativos aos recursos hídricos como consecuencia de varias sentencias do Tribunal Supremo que anularon outros plans por non ter concedidas as captacións de auga necesarias para o desenvolvemento do plan no momento da súa aprobación. 

Esta situación afecta a máis concellos a nivel de todo o estado pero no caso de Ponteareas que ten o planeamento suspendido dende xuño de 2002, urxe unha resolución máis inmediata.

Ponteareas non ten problemas de auga porque conta co río Tea, co cal é un problema burocrático. Houbo un consenso de solicitar que nos permitan contar coa aprobación do plan no menor prazo posible aínda que sexa de forma parcial mentres non se resolva este trámite de ampliación da captación de auga que afecta a máis concellos. Unha aprobación parcial daría seguridade xurídica a moitas empresas sin que lles afecte contar con máis captación autorizada e permitiría contar con máis equipamentos.

Neste sentido o  goberno adiantou que xa se mantiveron encontros coa Xunta e a FEGAMP e tamén con outras institucións a nivel estatal para se realicen as modificacións necesarias que permitan solventar esta situación de interpretación xurídica.  

Outros dos asuntos que se trataron foron a seguridade na N-120 para o que é preciso acadar o consenso social e político e ser responsabilidade tamén doutras administracións como a Deputación, a Xunta e Fomento.

Neste mesmo senso, cidadanía e goberno valoraron como moi necesaria a existencia dunha circunvalación ou medida similar para evitar a acumulación de tráfico nas saídas e entradas a Ponteareas nas horas puntas.

Centos de veciños e veciñas, representantes de colectivos sociais do concello, do sector da contrucción, empresarios e directivos de asociación de empresarios estiveron onte no auditorio nunha reunión na que todo o público puido participar ofrecendo solucións, trasladando queixas e consultando dúbidas.