Ponteareas reforza o apoio a entidades sociais asinando convenios con Afaga e Avelaíña

O goberno local asinou convenios por importe de 6.000€ e 4.700€

A alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fdez. Davila vén de manter encontros co presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e cunha representación da directiva da Asociación Avelaíña, para a sinatura dos convenios que supoñen un apoio económico municipal para desenvolver os programas que ambas entidades levan a cabo na nosa vila.

O goberno local e Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia) asinaron un convenio por importe total de 6.000€, que permite a axuda no financiamento para desenvolver o “Programa de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencia neurodexenerativa” que se vén desenvolvendo no Centro Asprodico dúas tardes á semana. Este programa inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos específicos manter as capacidades mentais e funcionais o máximo tempo posible, evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais, facilitar un descanso ós coidadores e/ou familiares e mellorar o seu estado emocional.

Convenio Avelaíña

Por outro lado, o convenio asinado coa asociación Avelaíña, por un importe de 4.700€, permite apoiar o “Programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario”, que inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, os seus familiares e achegados e mellorar a súa atención no seu entorno psicosocial e comunitario máis próximo.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, queren agradecer unha vez máis a labor tan importante que estas entidades veñen desenvolvendo na nosa vila. “As persoas con demencia ou con algunha enfermidade mental sufriron en maior medida as consecuencias do confinamento

provocado pola COVID-19, sendo estas entidades un apoio imprescindíbel para estas persoas e as súas familias”, indicaron.