Ponteareas reforza a súa aposta pola conservación do patrimonio natural co proxecto CON_CIENCIA_TEA

A concellaría de Medio Ambiente traballa na posta en valor do Tea

O Concello de Ponteareas vén de reforzar a súa aposta pola conservación e revalorización do patrimonio natural como un alicerce básico para mellorar a calidade de vida da poboación rural, que axude á creación de emprego vinculado co medio ambiente e á fixación da poboación no medio rural.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, explicou que “seguindo estes principios básicos, elaborouse o proxecto CON_CIENCIA_TEA, para continuar co camiño de posta en valor do patrimonio natural da Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Tea. Con este traballo preténdese contribuír no coñecemento e preservación do ecosistema de ribeira e das especies prioritarias que nel habitan, a través de diversas accións de conservación de especies prioritarias e ciencia cidadá”, indicou.

Rosa Covelo afirmou que tamén se promoverá o uso do Centro de Interpretación do Río Tea (CITEA) como centro neurálxico para as actividades de divulgación e conservación das especies e hábitats do Tea, integrado na Rede Natura 2000. Ademais, nesta contorna poderase desfrutar duns paneis interpretativos interactivos, para aprender de forma amena e sinxela o inmenso valor natural que posuímos.

Segundo explica a concelleira nacionalista, “o proxecto CON_CIENCIA_TEA, financiado con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, é un proxecto de Ciencia Cidadá, no que a participación da cidadanía axudará a fomentar o coñecemento científico sobre especies de interese, a sensibilización fomentando un uso adecuado e respectuoso cos valores naturais da senda fluvial e o orgullo polo patrimonio natural que posuímos. Para conservar debemos previamente coñecer e respectar”, concluíu.