Ponteareas reforza a Oficina de Padrón e Estatística con máis persoal e cita previa automatizada telefónica e na web

A oficina viuse desbordada coa volta á nova normalidade diante da avalancha de solicitudes e da atención con cita previa

O goberno local de Ponteareas reforzou esta semana a Oficina de Padrón e Estatística coa incorporación dun novo traballador, que se engade aos dous habituais do servizo. Ao mesmo tempo, entrou en funcionamento o sistema de cita previa automática a través da web do Concello e do teléfono 886405106.

Segundo explica Roberto Mera, concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, coa reapertura ao público da Oficina o pasado mes de xuño “producíuse unha avalancha de solicitudes das persoas que non as puideran facer durante o confinamento así como pola apertura de prazos de matrículas e outros procedementos como as moratorias hipotecarias, a renda mínima vital ou as axudas municipais a autónomos nas que se requiren certificados de empadronamento”. A crise sanitaria obrigou a establecer o sistema de cita previa que foi xestionada desde a propia oficina polo seu persoal, o que provocou un menor ritmo na tramitación de expedientes e solicitudes e unha listaxe de agarda que alcanza xa até comezos de agosto.

Para paliar esa problemática púxose en marcha o pasado luns o sistema de cita automática a través da web e do teléfono 886405106 de maneira que o persoal da oficina pode adicarse xa por enteiro á tramitación de expedientes. Coa incorporación doutro traballador máis estanse reprogramando as citas e adiantándoas respecto á data inicialmente asignada.

Mera explicou que na Oficina de Padrón e Estatística houbo que xestionar nun mes o traballo de case tres meses, pedíu comprensión á veciñanza “porque as medidas derivadas da crise da Covid19 conlevan procesos de adaptación e maior lentitude na atención cidadá” e pedíu desculpas “polos trastornos que se puideran ter ocasionado”. O edil pide á cidadanía que informe de calquera incidencia na atención cidadá a través do correo participacioncidada@ponteareas.gal para poder mellorar esa atención.