Ponteareas reforza a desinfección diaria das rúas cun tractor con atomizador

Ademais estanse desinfectando os centros de compostaxe comunitarios que continuan operativos

Desde a noite do pasado martes, o Concello de Ponteareas reforzou a desinfección diaria de rúas coa posta en servizo do tractor municipal de desbroces dotado cun atomizador para pulverización. O atomizador, unha sulfatadora de grandes dimensións con capacidade para 1.500 litros, foi facilitado desinteresadamente por adegas Martín Codax.

 

Deste xeito o Concello amplía con medios propios o labor de desinfección que xa estaba realizando a empresa de limpeza viaria e recollida de lixo FCC, traballos que se realizan en horario nocturno e que ao mediodía se repiten no entorno dos supermercados, farmacias, panadarías, entidades bancarias e no centro de saúde. Ademais da cisterna de lavado de rúa con mangueira está tamén en funcionamento un furgón para o pistoleado dos puntos de afluencia de persoas.

 

Por outra banda, o Concello está a desinfectar os centros de compostaxe comunitarios localizados na Perillana e na Feira Vella, que seguen funcionando mantendo todas as medidas necesarias de hixiene e desinfección para evitar contaxios.

 

O Concello aclara que a materia prima existente nos composteiros é moi porosa, húmida e de elevada temperatura e que todas estas condicións non son aptas para que sobreviva o Covid-19.

 

Aínda así, e co fin de evitar riscos innecesarios, cada día o mestre composteiro desinfecta o material empregado e o propio composteiro. A obriga dos usuarios é utilizar luvas para depositar os residuos e as luvas deben ser introducidas na bolsa na que se transportan os residuos para logo ser depositada no colector de lixo máis próximo.