Ponteareas redescubre un petroglifo esquecido dende hai 80 anos

sdr

A concellería de Cultura do concello de Ponteareas solicitará a Patrimonio a catalogación dun petroglifo atopado no castro de Troña entre o ano 1932 e o 1934 polo investigador Xurxo Lorenzo.

Tras oitenta e un anos no esquecemento, o estudoso Xoan Carnero “Perico” en colaboración coa concellería de Cultura localiza e redescubre este petroglifo serpentiforme disposto horizontalmente nunha rocha do Castro de Troña.

Naqueles anos Cuevillas e Xaquín Lorenzo, irmán de Xurxo Lorenzo recollen e divulgan no Boletín 321-326 de 1957 da Real Academia Galega a observación de observan dúas serpes, unha maior e outra menor que, baixo o titulo de  “Unha nova inscultura serpentiforme na citania de Troña”, escrito por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández, se ben este xa aparecía mencionado nun artigo de Xaquín Lorenzo en 1945 “Un petroglifo inédito de Troña”. 

“Dito achádego permaneceu no esquecemento e dado por desaparecido ata este pasado mes de agosto que o estudoso e fotógrafo Xoán Carnero, Perico”, explica a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista.

A este petróglifo perdéraselle a pista e tras os incendios o tamén fotógrafo, Perico, localízao e pono en coñecemento da concelleira de cultura, Hortensia Bautista. No primeiro artigo os propios autores indican que o novo petróglifo descuberto con forma de serpe é unha posible imitación feita tardiamente, apuntando como data máis antiga o ano do abandono do castro (século I d. C.), algo que resulta evidente pola profundidade do sulco. Incluso indican a técnica: “grabada a pico”, metálico moi probablemente. 

Este achádego non se atopa rexistrado nin catalogado tanto en Patrimonio como no propio Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), motivo polo que Bautista procederá a tramitación oportuna para a súa posta en valor dentro do conxunto do Castro de Troña.

As Orixes

O Castro de Troña foi declarado Ben de Interese Cultural na categoría de monumento polo decreto 403/2009 do 22 de outubro. Nel tiveron lugar diversas intervencións arqueolóxicas durante case a totalidade do século XX. Iniciou estas intervencións Enrique Peinador Vela. Dun xeito máis científico interviron Florentino López Cuevillas e Luís Pericot desde 1927, ademais das investigacións de Xurxo Lorenzo. En 1964 voltou escavar Manuel Fernández Rodríguez e entre os anos 80 intervén Hidalgo Cuñarro, Rodríguez Puentes, Abad Gallego, Torres Bravo e Perles Fontao.

Tras as intervencións arqueolóxicas de Florentino López Cuevillas e Luís Pericot entre os anos 1927-1930 deuse a coñecer o petróglifo serpentiforme en pedra exenta, coñecido popularmente como a “o petróglifo da serpe” ao redor da cal existe unha lenda como é habitual na cultura popular galega. Preto desta aparecen unha serie de petróglifos soliformes. O novo achádego da “serpe reptante” redescuberto por Perico sumaríase a esta riqueza arqueolóxica.

Por este motivo, a Concellería de Cultura porase en contacto cos técnicos de patrimonio da Xunta para que estuden e inclúan estes novos achados no catalogo, así como determinar a súa cronoloxía aproximada. 

O Concello de Ponteareas, unha vez estudados os petróglifos, procederá a sinalizalos.

Hortensia Bau agradece á colaboración da Comunidade de Montes Mancomún de Pías polas xestións realizadas e a boa predisposición para a limpeza do entorno.