Ponteareas recibe ás Escolas Asociadas da UNESCO nunha xornada de coordinación e traballo do Ano Internacional do Entendemento Global

O pasado sábado 24, a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, compartiu a xornada xunto con profesores de diversas escolas galegas e representantes da Escola Artística Profissional Árvore de Porto (Portugal).

O Concello de Ponteareas, en colaboración co proxecto que están a desenvolver dende o Plan de Escolas Asociadas da UNESCO (PEA-UNESCO), acolleu nas instalacións do Concello ao grupo de profesorado das escolas galegas, entre as que se encontra o IES “Pazo da Mercé” de As Neves e o IES “Pedra da Auga” da nosa vila, así como representantes da Escola Artística Profissional Árvore de Porto (Portugal).

A xornada tivo como obxectivo deseñar conxuntamente unha proposta de traballo para o Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU), na que poder participar calquera dos 10.000 centros educativos de todo o mundo pertencentes á Rede PEA-UNESCO.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado da edil Cristina Fernández, visitou ao profesorado na aula de traballo para saudar e animalos a continuar coa súa labor de facer que distintas comunidades educativas do mundo compartan actividades que fomenten o entendemento entre os pobos, a paz mundial, o coñecemento doutras culturas e valores como a cooperación e a tolerancia.  “É fundamental para o noso Concello, estar abertos a proxectos tan interesantes como o que agora se presenta, facendo de Ponteareas unha vila referente de intercambio de coñecementos, actividades e experiencias a nivel internacional”, declara Xosé Represas.