Ponteareas recibe ás e aos refuxiados saharauis do programa de acollida ‘Vacacións en Paz’

A través desta iniciativa nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tindouf pasan mes e medio en Galicia

O Concello de Ponteareas recibiu aos nenos e nenas que pasarán parte do verán na vila do Tea grazas ao programa “Vacacións en paz” promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

A recepción tivo lugar no Centro Social de Ponteareas coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández, da Concelleira de Benestar  Social, Verónica Carrera, e 6 das 7 persoas que forman parte do programa que recibiron un agasallo de benvida por parte do Concello.

“Vacacións en paz” detivo as acollidas durante a pandemia, pero non a súa actividade. Nos dous últimos anos, investiu a axuda de 6.000€ que lle outorga o Concello e que en situación de normalidade empregan para subvencionar os billetes de avión dos menores, na adquisición e no envío de alimentos cara o Sáhara.

Tralo parón dun par de anos, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui recupera as súas “Vacacións en paz” este verán. Nesta ocasión son 4 menores e 3 adultos procedentes do Sáhara os que recibirán a asistencia médica necesaria e gozarán dunha estadía na nosa vila, grazas á xenerosidade das familias ponteareás e á asociación.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, sinala a importancia deste programa que, “ademais de favorecer a convivencia e integración entre os pobos galego e saharaui, serve para que estes nenos e nenas poidan recibir asistencia sanitaria, ademais de constituir unha alternativa de lecer e tempo libre evitando así as altas temperaturas dos campamentos neste período”.