Ponteareas recibe a aprobación definitiva dos 5 millóns de euros de fondos europeos

Suporá un investimento total 6,25 millóns para transformar e modernizar Ponteareas

O Goberno convoca a todos os grupos da Corporación para tratar da xestión deste programa de desenvolvemento urbano sostible e integrado (DUSI)

Este mércores, 14 de decembro, o BOE publicou a resolución da Secretaría de Estado de Orzamentos, pola que resolve definitivamente a selección da estratexia de desenvolvemento urbano “Habitat Saudábel”, pola que Ponteareas pasa a ser un dos concellos beneficiarios dunha subvención de 5 millóns de euros do programa operativo  FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020. A esta cantidade o Concello engadirá 1,25 millóns de fondos propios nos vindeiros anos.

Con esta resolución abriuse un novo procedemento de tramitación administrativa polo que o Concello pasa a ser o un Organismo de Selección das operación a realizar. Esta fase, marcada polo Ministerio de Administracións Públicas, é moi esixente co funcionamento da administración local e obriga a un maior control. Ademáis do prazo de dez días fixado para aceptar a resolución definitiva, o ministerio xa convoca aos responsables técnicos a unha nova reunión en Madrid para o día 22 no que entre outras cuestións prevén presentar o Manual de Procedementos cos criterios de selección das operacións.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, considera que a xestión desta subvención é un reto para a administración local e tamén unha inmellorable oportunidade para fortalecer e actualizar o funcionamento administrativo e técnico do Concello de Ponteareas, unha das eivas que afecta negativamente ás relacións coa cidadanía e a unha áxil resposta de todos os procedementos. “o investimento de 6.250.000 euros vai permitir unha modernización da xestión e actuacións relevantes de mellora da imaxe urbana e de recuperación do Tea na zona máis próxima ao núcleo” manifestou Represas

A estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” desenvolverá catro grandes eixos: tecnoloxías da información, economía baixa en carbono, protección do medio ambiente e inclusión social e redución da pobreza.

O Concello, trala resolución do Ministerio de Facenda e Función Pública, activa a Comisión de Seguimento da EDUSI na que participan todos os Grupos políticos da Corporación, para tratar da xestión deste programa. A reunión celebrarase o vindeiro mércores 21, despois desta primeira reunión da Corporación abrirase un proceso de participación a colectivos socias sobre ás distintas liñas de actuación. “É a maior subvención de fondos europeos da historia de Ponteareas” afirmou a concelleira de urbanísmo e primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote.