Ponteareas rebaixou a débeda coa Seguridade Social en cerca de 9 millóns e medio de euros en menos de dez anos

concelloO Concello de Ponteareas, desde a entrada na Alcaldía de Salvador González Solla, minorou a débeda pendente de pagamento contraída coa Tesourería Xeral da Seguridade Social en 9.404.520,62 euros, en menos de dez anos.
Segundo o goberno local, desde o ano 2004, a situación de débeda contraída coa Tesourería Xeral da Seguridade Social ascendía a máis de 10 millóns e medio de euros.
Esta situación foi solucionándose nestes anos con diversas actuacións necesarias para corrixir esta situación, mediante distintos plans de pagos, facéndose un esforzo enorme para minorar esta débeda en case 9 millóns e medio, restando tan só por pagar aproximadamente un millón de euros.
Ademais do pagamento da débeda contraída, o goberno local de Ponteareas desde o ano 2007, intensificou máis se cabe o seu esforzo e foi facendo fronte puntualmente aos pagamentos das cotas á Seguridade Social nunha cantidade superior aos 100.000 euros mensuais, estando o concello na actualidade ao corrente do pago das cotas da Seguridade Social, como así consta no informe emitido con data 30 de outubro do 2014 pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.