Ponteareas realiza un obradoiro formativo de cooperativismo no sector do ocio e tempo libre

O prazo de inscricións remata o 27 de marzo e o taller realizarase do 4 ao 7 de abril

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova acción formativa, neste caso de dinamización do cooperativismo no sector do ocio e o tempo libre, acción realizada en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop dentro do marco de programación da Rede Eusumo.

Esta formación, que se desenvolverá do 4 ao 7 de abril en horario de 9:30 a 14:30 horas na Biblioteca Municipal, no ámbito do cooperativismo está destinada a colectivos, persoas e redes relacionadas co sector no Condado e a Paradanta e persoas interesadas en articulalo e difundilo dentro dun proceso de intercooperación e construción de mercado social dentro da economía social e de acordo cos principios e valores da mesma.

Inclúese a persoas demandantes, desempregadas ou activas, con inquedanzas nalgúns dos sectores de estudo. A participación nestas actividades é gratuíta, presencial e con posibilidade de certificación.

As interesadas e interesados poden inscribirse nos correos electrónicos do Departamento de Cultura departamentocultura@ponteareas.es e do Centro de Desenvolvemento Local cdl@ponteareas.es, no número 986 866 149, no e-mail ramon@espazo.coop ou achegándose á Biblioteca Municipal de Ponteareas, sita na rúa Perillana, 11, até o 27 de marzo.