Ponteareas realiza o inventario de todos os seus bens e propiedades

O concello non dispuña de inventario malia ser unha obriga legal

O último acordo plenario para levar a cabo un inventario municipal data do ano 1958

concelloO alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, vén de comunicar que “o novo goberno municipal iniciou os traballos de realización do inventario municipal de bens e propiedades, nos que se inclúen recursos que pertencen ao ámbito municipal como por exemplo edificios públicos, instalacións polideportivas, centros sanitarios, centros de ensino, vías públicas, parques e xardíns, elementos de iluminación pública, flotas de vehículos, sinalizacións, mobiliario e dotacións urbanas, sistema de auga e rede de sumidoiros, farois ou colectores.

Represas salientou que “aínda que resulte sorprendente, o certo é que este concello non dispón de inventario de bens, algo incríbel no século XXI”. A Lei de Patrimonio das Administracións Públicas obriga a todos os concellos a dipoñer dun inventario de activos municipais, polo que “durante moitos anos e por desidia de anteriores gobernos locais en mans do Partido Popular, o Concello de Ponteareas incumpriu a normativa neste eido”, apuntou o rexedor. De feito, “o último acordo plenario para desenvolver un inventario deste tipo en Ponteareas data do 31 de decembro de 1958, hai case 60 anos”.

O alcalde suliñou a importancia dos traballos, que deron comezo xa en agosto, e que e unha vez concluídos serán levados a pleno para a súa aprobación. “Con esta actuación avanzamos na modernización da administración municipal e contaremos cun instrumento básico para saber que patrimonio ten o Concello de Ponteareas e poder defendelo, protexelo e salvagardalo”.

A actuación permitirá o inventariado de todos os activos municipais, desde edificios e instalacións públicas até o alumeado ou as vías os e camiños públicos. Toda a información estará aloxada nunha plataforma tecnolóxica onde os bens poderán ser xeolocalizados sobre o terreo.

Ademais, Represas salientou que esta actuación é posíbel grazas a colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial. “O cambio de goberno na Deputación e no Concello, e a espléndida relación entre ambas as dúas institucións, estase traducindo en resultados moi positivos para os ponteareáns”.