
Grande éxito de acollida e participación nas probas de natación, ciclismo e tenis disputadas durante esta fin de semana na vila
Ponteareas reafirmouse esta fin de semana como referente deportivo, cun grande éxito de acollida e de participación nas probas dos campionatos de natación, ciclismo e tenis disputadas durante sábado e domingo. “Queremos agradecer a todas e todos os ponteareáns o seu gran respaldo e que estiveran con nós nesta gran fin de semana de deporte, na que non só puidemos gozar de diferentes disciplinas senón tamén da nosa contorna e dos espazos da nosa vila”, destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. Un grande éxito deportivo que se traduce tamén “nun grande éxito para a vila, xa que cada evento convértese nun elemento dinamizador da economía ponteareá, de encontro e de sensibilización”.
Etapa final do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas
O sábado foi a quenda das e dos apaixonados da natación. A praia fluvial da Freixa acolleu a etapa final do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas, na que se deron cita as e os principais favoritos da competición celebrada durante todo o verán en distintos puntos de Galicia. Na categoría feminina, a proba de 2500 m foi dominada de principio a fin pola nadadora do Club Natación Ponteareas Alba Ortiz, seguida no podio pola ponteareá Carla Faro e cedendo o terceiro posto á nadadora do CN Arteixo, Alba Gómez.

Mentres, entre os rapaces, tras unha disputada segunda parte do percorrido, o nadador do Arteixo, Mateo García, facíase co primeiro posto seguido no podio polos deportistas do club ponteareán Lucas Costa e Marcos Martínez.
Tras a disputa de todas as etapas, Lucas Costa e Alba Ortiz facíanse coa vitoria absoluta do circuíto. No resto de categorías participantes acadaron a primeira posición Marcos del Río e Rosalía García en Máster 1, David Rodríguez e Verónica Redondo en Máster 4, Ramón Vázquez e María del Mar Terceiro en Máster 3 e Manuel Monroy e Dolores Sar en Máster 4.
Volta a Galicia
O ciclismo foi o protagonista en Ponteareas o domingo coa celebración da etapa final da Volta a Galicia na que Fernando Tercero non cedeu a camisola amarela. En total 124 quilómetros con saída e meta na vila do Tea que convidaban a buscar unha escapada aos participantes e para a que apenas houbo que agardar. Tras unha intensa xornada, Tercero acabou en primeira posición e recibiu a camisola branca de mellor Sub23 na que foi a súa última competición como amateur en España, dado que a vindeira tempada estrearase no pelotón profesional.
Jorge González, gañador da etapa e das Metas Voantes; Isaac Cantón como rei da Montaña e o ponteareán Manuel Rodríguez, primeiro galego na xeral da Volta a Galicia, tamén subiron ao podio final no que o Telco.On Clima Osés recolleu o premio ao vencedor por equipos. Todos os premiados levaron unha doce lembranza de Ponteareas, xa que o Concello sumou aos trofeos paquetes de rosquillas como promoción do produto típico local.
A cerimonia de clausura contou coa participación da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; o presidente da Federación de Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Club Ciclista Ponteareas, Manuel Gregores, o ciclista Borja Gómez Méndez; e os ex corredores Ezequiel Mosquera e Tony Pérez, entre outros.