O 19 de setembro iniciarán a súa actividade por un prazo de 6 meses no que realizarán traballos de rehabilitación en construcións municipais e na atención sociosanitaria a persoas no domicilio
O Concello de Ponteareas publica hoxe a selección das 20 persoas desempregadas que participarán no obradoiro de emprego a partir do 19 de setembro. Na selección participaron en representación da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o xefe territorial da sección de Obradoiros, en representación da Oficina de Emprego de Ponteareas, a orientadora laboral, e de parte do Concello, o director do Centro de Desenvolvemento Local.
As persoas seleccionadas estudarán e traballarán durante seis meses e cobrarán unha remuneración igual ao salario mínimo interprofesional de 655,20 euros ao mes. Amais, o programa dará traballo a tres persoas para o equipo formativo do programa. O persoal docente a contratar está pendente por determinar en función dos criterios da Xunta de Galicia.
O alcalde, Xosé Represas, responsable de Emprego e Desenvolvemento Local, indicou que a creación de emprego é unha prioridade do goberno de Ponteareas e neste sentido os obradoiros de emprego permiten unha nova oportunidade laboral, neste caso para 20 persoas, unha acción que tamén permite realizar obras e actuacións públicas.
O obradoiro é subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 180.000 euros, importe que financiará os salarios e a seguridade social dos 20 participantes e os profesores, correndo o Concello co custe dos materiais empregados.
O programa de atención socio sanitaria permitirá que 10 alumnos adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social. O outro programa ten que ver coa especialidade de albanelería e construción, que posibilitaría que outros 10 estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos a través da rehabilitación do locais municipais.
Os listados dos novo alumnado traballador dos obradoiros están expostos no taboleiro de anuncios do Concello de Ponteareas e na web no apartado de Oferta Pública de Emprego.