Ponteareas presentou a súa Rede de Calor por Biomasa nunha xornada da Fundación Empresa Universidade Galega

Ponteareas presentou a súa Rede de Calor por Biomasa nunha xornada da Fundación Empresa Universidade Galega

Cristina Fernández foi convidada pola organización polo carácter pioneiro e innovador da Rede creada en Ponteareas

A alcadesa de Ponteareas, Cristina Fernández, participou esta semana en Vigo no encontro “Red Transfronteriza de biomasa” organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA). A rexedora foi convidada polos organizadores para dar a coñecer ao persoal técnico e ás e aos profesionais asistentes á xornada a Rede de Calor por Biomasa implantada en Ponteareas.

A alcaldesa explicou as características da rede, formada por unha caldeira de combustión que emprega estela de madeira e que substituíu ás caldeiras de gasóleo moi contaminantes de cinco edificios públicos. A posta en funcionamento da Rede de Calor supuxo unha redución anual de 239 toneladas de CO2 e deixar de consumir 58.000 litros de gasóleo anuais. Ademais implica un aforro económico de case 60.000 euros ao ano que permitirán amortizar en 7 anos o investimento realizado de máis de 800.000 euros, tendo en conta a subvención recibida para este proxecto.

A Rede de Calor por Biomasa prevé novas fases que poderán dar calefacción a un total de 22 edificios públicos a través da rede de tubaxes soterradas por diferentes rúas da vila que transportan a calor dende as instalacións centrais nas que se atopa a caldeira.

Cristina Fernández enmarcou esta pioneira iniciativa nas políticas do Concello dirixidas a reducir a emisión de CO2 e loitar contra o cambio climático que incluíron a redución espectacular do tráfico a motor no centro urbano mediante peonalizacións, as obras de eficiencia enerxética en 8 edificios públicos, a renovación do 100% do alumeado público, a posta en marcha da recollida selectiva de materia orgánica e a plantación de milleiros de árbores no centro urbano e nos parques forestais do rural.

A alcaldesa salientou que “Ponteareas mudou a súa imaxe exterior por completo e hoxe, con satisfacción, estamos sendo convidados para participar en foros galegos e internacionais para dar a coñecer con orgullo as nosas actuacións en materia de sostibilidade, eficiencia enerxética ou mobilidade que son exemplares e un referente para outros concellos”.