Ponteareas presenta a primeira edición da ‘Carreira Nocturna Vila do Corpus’

O Concello de Ponteareas e a asociación de runners da vila, Corredores Festeiros, organizan a I Carreira Nocturna Vila do Corpus, que terá lugar o próximo 15 de xullo polas rúas do casco urbano. A proba desenvolverase entre as 20:00 h do sábado 15 de xuño ata as 02:00 do domingo 16, sobre un circuíto urbano totalmente chan de 1 km de distancia.
Nesta carreira poderase participar de xeito individual ou por equipos de 3 a 6 membros. “O feito de que a duración e o número de relevos sexa o que cada equipo decida fai que practicamente calquera persoa poida participar”, sinala Benito Márquez, concelleiro de Deportes.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 01 de xullo en www.cronotec.es/informacion/html, estando xa anotados importantes corredores tanto de Portugal como de fora de Galicia, e entre eles, Antonio Tejido López, campión do 24 horas de Vigo do ano pasado 2016.
Nese enlace tamén se poderá consultar o regulamento da proba así como tódolos detalles da mesma, que tamén estarán dispoñibles no perfil de Facebook da asociación Corredores Festeiros, ou na páxina da carreira “6 Horas Vila do Corpus”.
Un dos obxectivos deste evento é dar apoio económico e sobre todo recoñecemento social á asociación Síndrome de Down Vigo. “Esta asociación leva anos traballando no desenvolvemento integral das persoas con síndrome de down, pero sobre todo loitando para que a integración social e laboral sexa real e efectiva. A organización da carreira pretende aportar o seu gran de área e axudar neste proceso de integración, facendo que un evento deportivo sexa tamén unha xornada de visualización e concienciación social, acompañado de música, xogos e sorpresas”, sinala Fran Aparicio, membro da asociación Corredores Festeiros e coorganizador da proba.
O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, animou aos ponteareáns a participar neste importante acto deportivo, sinalando que “xa facía varios anos que Ponteareas non contaba con ningunha carreira nocturna, e por iso mesmo é importante a celebración desta proba, sobre todo tendo en conta a gran cantidade de atletas e runners que temos na vila. De seguro que este evento que se inicia se converterá nun dos eventos icona da imaxe deportiva e turística de Ponteareas”.