Ponteareas presenta o obradoiro “Compromiso II” para 20 persoas desempregadas

A presentación tivo lugar no Centro de Desenvolvemento Local do concello e contou coa presenza do alcalde, Xosé Represas, da primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e outros membros da corporación e do goberno local

Este obradoiro de emprego permitirá que estas persoas se formen nos eidos de atención socio sanitaria e albanelería durante os próximos 6 meses e está financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas

O Centro de Desenvolvemento Local do Concello de Ponteareas foi testemuña da presentación oficial do obradoiro de emprego “Compromiso Social II” que conta cun investimento de case 220.000 euros, asumidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e o propio Concello, e que permitirá que 20 veciños e veciñas da vila obteñan formación durante os próximos seis meses e, deste xeito, gocen dunha asignación económica durante este período de formación. Estas 20 persoas serán contratadas polo propio consistorio a través de contratos de formación e cobrarán o salario mínimo interprofesional.

P1030281

Xosé Represas agradeceu a presenza do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e lembrou que “é o segundo ano consecutivo que o Concello obtén estes cursos. Esperamos que poidamos seguir contando con máis obradoiros nos anos vindeiros”. E engadiu que “o Goberno de Ponteareas vai seguir traballando en todas as súas áreas para tentar reducir o desemprego que chega a 2.800 persoas na vila”.

O programa de atención socio sanitaria permitirá que 10 alumnos adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social.

O outro programa ten que ver coa especialidade de albanelería e construción, que posibilitaría que outros 10 estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos a través da rehabilitación do local que está baixo o escenario do Parque da Feira Vella e de dúas vivendas na rúa dos Mestres coa finalidade de destinalas a situacións temporais de emerxencia social.