Ponteareas presenta aos veciños o seu modelo de futuro

Asociacións e colectivos de todo o Concello arrouparon onte ao Alcalde de Ponteareas na presentación da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” o documento de planificación urbana que organizará o crecemento da cidade.
“Ponteareas, Hábitat Saudable” enmárcase dentro da EDUSI (Estratexia Urbana de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) subvencionada con 5.000.000€ polos Fondos FEDER.
Acompañado do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo F. Lores, do responsable do proxecto, o arquitecto Luciano González Alfaya, da Tenente de Alcalde, Chus Garrote e do voceiro de A Riada, Manuel Troncoso, explicouse aos asistentes o conxunto de ideas que marcan o camiño a medio e longo prazo de Ponteareas analizando os riscos e anticipándose aos problemas que poidan xurdir no futuro.


Lores explicou o modelo Pontevedra que tantos premios internacionais ten recollido e deu números e exemplos das melloras e das consecuencias beneficiosas para a veciñanza de Pontevedra nos últimos anos.
No acto tamén estiveron presentes os Deputados, María Luisa Pierres, Abel Losada, Uxío Benítez, David Regades, Ricardo García Mira e Guillermo Meijón.
Na última convocatoria de Fodos FEDER, a Unión Europea decidíu que toda cidade que quixese ser receptora dos mesmos, tiña que ter un Plan Estratéxico. Nese punto, dende o Concello de Ponteareas, asumíuse o reto como unha oportunidade para elaborar unha verdadeira Estratexia de Planificación Urbana co horizonte fixado no ano 2030. Arquitectos, economistas, enxeñeiros e sociólogos participaron no deseño desta estratexia que permitía solicitar os fondos FEDER”, explica o Alcalde, Xosé Represas.
O primeiro paso foi detectar as debilidades: deficiente estrutura da administración local; deterioro da forma urbana pola falla de planificacion urbanística, enerxética e de mobilidade; a escasa consideración da paisaxe (entendida como hábitat) e; a precariedade da economia local.
Logo identificáronse as fortalezas: posición estratéxica na comarca, alta densidade de poboación, carencias cun consumo enerxético un 50% superior a media galega, contorna medioambiental moi rica, renta por fogar un 20% inferior á media galega, segundo Concello galego con maior poboación inferior a 20 anos e ausencia de plan xeral desde hai 15 anos.
En base a isto decidíuse apostar por doce liñas que van desde o desenvolvemento sostible á revitalización da economía pasando pola implantación de sistemas de aproveitamento de biomasa, a recuperación de zonas verdes, a inclusión activa e a loita contra a discriminación, a mellora da administración local a través das TICs, a mellora da eficiencia enerxética e mobilidade sostible, a mellora do patrimonio e da contorna do río Tea, o apoio ao comercio e a mellora do casco vello, son algunhas das liñas recollidas na estratexia.