Ponteareas pon en marcha un campamento de verán para a mocidade

A Concellería de Mocidade do Concello de Ponteareas, que dirixe Miguel Bouzó, vén de anunciar a posta en marcha de “ActivaTea”, un campamento de verán para mozas e mozos de entre 13 e 17 anos. As actividades desenvolveranse ao aire libre os martes, xoves e sábados en horario de 10 a 14 horas, e dividiranse en dúas quendas a escoller, do 28 de xullo ao 15 de agosto e do 18 de agosto ao 5 de setembro, cun prezo de 15€.

Facilitar a volta á actividade das mozas e mozos ofertándolle espazos de lecer e socialización seguros e saudables, fomentar a súa autonomía e desenvolvemento social ou promover o traballo en equipo adaptándose á situación actual son algúns dos obxectivos deste campamento. Así mesmo, dado que as actividades se realizarán en espazos naturais e abertos, ActivaTea tamén procurará dar a coñecer e valorizar espazos de interese existentes en Ponteareas.

O campamento desenvolverá múltiples actividades e enfocarase dende unha perspectiva lúdica e participativa, tendo sempre presente a compoñente formativa e educativa”, sinalou Miguel Bouzó, que destacou que “as mozas e mozos serán partícipes en todo momento do deseño das actividades, fomentando a convivencia e primando así a interacción e socialización do grupo mantendo as medidas sanitarias e de prevención derivadas da Covid-19”.

O concelleiro de Mocidade indicou que “este campamento está orientado a unha franxa de idade que habitualmente require unha maior oferta lúdica e formativa, como nos teñen trasladado as mozas e mozos participantes no Consello da Infancia e Adolescencia. Deste xeito, ActivaTea súmase ás iniciativas que levamos posto en marcha dende o goberno local para favorecer a conciliación entre a vida familiar e laboral das familias do noso concello”.

As persoas interesadas poderán recibir máis información ou inscribirse na OMIX, situada na Biblioteca Municipal, a través do enderezo electrónico omix@ponteareas.gal ou no teléfono 986 660 765.