Ponteareas pon en marcha o primeiro concurso de debuxo contra a violencia de xénero

Trátase dun concurso escolar no que poden participar alumnos de primaria e secundaria dos centros educativos da vila

cartel-consurso-debuxo-violencia-xeneroO Centro de Información á Muller (CIM), dependente da concellería de Igualdade que dirixe Verónica Carrera, vén de abrir o prazo do primeiro concurso de debuxo contra a violencia de xénero no que poderán participar alumnos e alumnas dos centros educativos de Ponteareas.

Todos aqueles mozos e mozas escolarizados nos cursos comprendidos entre 3º de Educación Primaria e 4º da ESO teñen a oportunidade de presentar os seus debuxos nas secretarías dos centros escolares onde os alumnos cursan os seus respectivos estudos até o vindeiro venres, 23 de outubro, inclusive.

A temática dos debuxos deberá estar relacionada coa violencia de xénero en calquera dos seus ámbitos. Estas manifestacións poden darse no eido das relacións de parella, no eido laboral ou a través de negocios fundamentados na propia violencia de xénero, como a trata e tráfico de mulleres con fins de explotación sexual.  O xurado do concurso tamén admitirá debuxos baseados en casos de violencia de xénero presentes noutras culturas, como poden ser a mutilación xenital feminina ou os matrimonios forzados.

Dito tribunal estará formado por profesionais dos campos da publicidade, o deseño, a arte e a cultura e será o encargado de establecer os tres primeiros premios. O gañador terá como recompensa un vale de 50 euros para poder adquirir material escolar en centros comerciais de Ponteareas. O segundo e o terceiro clasificados recibirán un regalo sorpresa cada un.

Todos os debuxos participantes no concurso serán incluídos na campaña de sensibilización que o Concello de Ponteareas lanzará con motivo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que terá lugar o próximo 25 de novembro.