Ponteareas pon banda sonora ao Día das Letras Galegas cunha nova edición da Gala da Lingua

 

Presentada por Isabel Risco, será este 17 de maio ás 19.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal e contará co recital de poesía e música de Nuria Vil e Saya DJ

 

Ponteareas pon banda sonora ao Día das Letras Galegas cunha nova edición da Gala da LinguaO poeta Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, será o fío vertebrador da nova edición da Gala da Lingua de Ponteareas. Este martes 17 de maio, a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá un acto conducido pola actriz Isabel Risco no que se porá música e poesía ás nosas letras grazas ao recital a cargo da poeta Nuria Vil e de Saya DJ.

 

Neste acto de homenaxe á lingua galega entregaranse ademais os premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2021, que recoñecen o labor de persoas e empresas que, día a día, achegan a lingua á veciñanza e que contribúen ao uso e normalización da lingua galega en todos os eidos da sociedade dende o sector empresarial. Os premios, que consistirán nunha escultura creada polo escultor ponteareán Silverio Rivas para estes galardóns, concédense nas categorías de longa traxectoria no uso da lingua galega, na de uso continuado e na de recente incorporación.

 

Será tamén dentro desta gala cando se entreguen os premios dos VII Xogos Florais, un certame literario co que se busca contribuír ao desenvolvemento da poesía local, “creando espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas que están aparecendo con forza, difundindo a súa actividade creativa e permitíndolles ser escoitadas por toda a veciñanza”, como destaca o concelleiro de Lingua e Cultura, Fernando Groba.

 

O edil sinala que esta gala, xunto aos galardóns, “será a actividade e o acto central do día grande de Florencio Delgado, unha xornada na que o poeta sexa o gran protagonista e na que poidamos coñecer un pouco máis a este poeta singular que entendeu a importancia da poesía como ferramenta para salvagardar o patrimonio cultural e emocional de todo o pobo galego”.