Ponteareas planea poñer en marcha un Plan de Compostaxe

A instalación das unidades modulares de compostaxe correrá a cargo da Deputación de Pontevedra

cabecera-revitalizaO Concello de Ponteareas ten previsto poñer en marcha un Plan de Compostaxe, promovido pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Provincial de Compostaxe Comunitario. Esta iniciativa contempla a implantación dunha serie de centros de compostaxe comunais en distintos concellos da provincia, con capacidade para tratar os residuos orgánicos biodegradables producidos por entre 60 e 300 veciños. Mediante este proceso, os residuos orgánicos utilízanse como materia prima para a obtención dun abono ecolóxico denominado compost.

Ponteareas é un dos concellos interesados na instalación de diferentes centros comunais, neste caso situados no casco urbano do municipio, polas vantaxes medio ambientais (obtención dun abono de calidade que funciona como sumidoiro de CO2) e económicas (aforro na factura de SOGAMA que podería superar os 7.000 euros anuais).

Dende o Consistorio quérese comunicar a todos os veciños, veciñas e representantes hostaleiros interesados a necesidade de cubrir os formularios do Concello (aquí) e da Deputación (aquí), de xeito que o Concello de Ponteareas poida acreditar ante a Deputación de Pontevedra o interese da veciñanza en contar con este tipo de unidades modulares de compostaxe. Ámbolos dous documentos se atopan na web municipal: www.ponteareas.gal.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo até o 29 de xaneiro, inclusive, para entregar os dous formularios a través do Rexistro de Entrada do Concello ou remitilos por enderezo electrónico, neste último caso coa obriga de facilitar o teléfono de contacto.