Ponteareas participa na Rede Galega de Vixilancia das principais especies de insectos transmisoras de enfermidades

 

O Concello de Ponteareas está a partiripar no proxecto Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), unha rede de control etimolóxico sobre as principais especies de insectos transmisores de enfermidades a humanos e animais, fundamentalmente diversas especies de mosquitos e carrachas.

 

Ponteareas achega o seu gran de area “coa posta e recollida das trampas para mosquitos, que consiste en recoller mostras de larvas e facer un seguimento das mesmas”, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo. Trátase dun proxecto “de grande importancia emerxente en sanidade animal e para a saúde pública humana, xa que a súa supervisión e control permite detectar e identificar especies implicadas en diversas enfermidades, como o dengue, a febre amarela, a febre do Nilo occidental, o virus do Zika ou a febre do chikungunya, así como a malaria, a filariose ou a leishmaniose”.

 

Segundo as autoridades sanitarias, estas e outras enfermidades son dunha importancia emerxente no ámbito da saúde pública pero tamén en relación coa sanidade animal, sendo necesaria unha vixilancia cada vez maior sobre elas, motivada polas modificacións dos hábitats dos insectos vectores debido aos cambios climáticos e ao enorme volume de movementos globais de persoas e animais en todo o planeta.