Ponteareas organiza as Xornadas da Muller 2016 centradas na violencia nas novas tecnoloxías o vindeiro sábado 12 de novembro

A Concellaría de Igualdade e Benestar Social, coordinada por Verónica Carrera, ademais, realiza unha programación adicada á loita contra a violencia machista durante o mes de novembro

Na mañá do sábado expertos de diferentes ámbitos, tanto psicolóxico, coma policial ou xudicial afondarán na problemática na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 10.00 horas

ponteareas-contra-as-violencias-machistas

A inauguración das Xornadas da Muller 2016 contará coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera.

Deseguido, entrarase en materia coa exposición sobre o tratamento xudicial da violencia de xénero nas novas tecnoloxías do fiscais, María Ramos Martín e Juan Antonio Sagredo Cañavete. Despois, ás 12.00, o oficial xefe do Equipo de Vixilancia e Apoio Policial (EVAP) de Vigo, José Armando García Vieiro falará sobre a actuación dos corpos de seguridade ante a problemática na era da Internet. Por último,  a perspectiva psicolóxica será abordada pola voceira e coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo, Rosa Fontaíña.

Actividades contra as violencias machistas

Ademais das xornadas, o venres 18 de novembro ás 18.00 horas no ximnasio do CEIP Nosa Señora dos Remedios haberá unha obradoiro de defensa persoal, baseada na arte marcial do aikido. Para inscribirse hai que dirixirse ao CIM no 2º andar do Centro Social da Rúa Oriente ou ao teléfono 986 64 46 53.

O día 25 de novembro, día contra as violencias machistas terá lugar un acto institucional ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello de Ponteareas e darase lectura do manifesto elaborado polas alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato dos Centros de Ensino Secundario de Ponteareas. Deseguido, haberá unha actuación do alumnado do Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo. Pola tarde, ás 17.00 horas,  farase entrega dos premios aos gañadores do II Concurso de Debuxos contra a Violencia de Xénero no salón de plenos.