Ponteareas organiza un obradoiro de manga e banda deseñada en homenaxe a Castelao

Impartido polo artista ponteareán Sergio de Arcos, celebrarase este sábado 28 na biblioteca municipal de 17 a 19 horas. É necesaria inscrición previa

Ponteareas organiza un obradoiro de manga e banda deseñada en homenaxe a CastelaoPonteareas prepárase para render homenaxe a Castelao. Este sábado 28 de xaneiro e ao abeiro da programación de actividades previstas polo ‘Día de Castelao’, o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao manga e á banda deseñada impartido polo artista ponteareán Sergio de Arcos, un curso de balde aberto a todos os públicos a partir dos 12 anos. O taller celebrarase na biblioteca municipal de 17.00 a 19.00 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a participar neste obradoiro que permitirá a todas e todos os participantes aprender dun xeito ameno a contar historias a través do debuxo e da imaxe. “Con este curso non só apostamos por actividades creativas moi demandadas pola mocidade e pola veciñanza, senón que tamén nos achegamos a Castelao potenciando mergullándonos nunha das súas moitas facetas, xa que foi un artista referente na ilustración gráfica no século XX”, recalca.

O obradoiro será impartido polo ponteareán Sergio de Arcos, gañador de numerosos premios de creación de banda deseñada e parte xa do gran grupo de artistas de éxito desta especialidade en Ponteareas. A actividade contará cun máximo de 15 prazas, polo que será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas poden xa inscribirse na biblioteca municipal ou chamando ao teléfono 986 660 765.