Ponteareas optará ás axudas do Programa de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado

A candidatura foi aprobada en sesión plenaria extraordinaria e o concello aspirará a unha axuda de 5 millóns financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

A corporación do Concello de Ponteareas vén de aprobar por maioría (todos os grupos votaron a favor a excepción do PP, que se abstivo) durante a sesión plenaria extraordinaria celebrada o pasado luns, 11 de xaneiro, presentar a candidatura para optar ás axudas que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Fomento, disporá para aplicar accións relacionadas co desenvolvemento urbano sostible e integrado.

A EDUSI de Ponteareas (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), presentará un orzamento de 6.250.000 euros. A axuda solicitada dos fondos FEDER ascende a 5.000.000 de euros, o máximo ao que se pode optar. O Concello comprométese, no caso de ser concedida a subvención, a aportar os 1.250.000 euros restantes no período que vai dende o presente ano 2016 até o vindeiro ano 2020.

A estratexia “Ponteareas, Hábitat Saludable” desenvolverá no caso de recibir a mencionada subvención está articulada en catro grandes eixos: tecnoloxías da información, economía baixa en carbono, protección do medio ambiente e inclusión social e redución da pobreza.

Trátase dunha oportunidade para que “Ponteareas logre unha cidade saudable, sustentable e inclusiva no horizonte 2020. O obxectivo é poñer en marcha medidas relacionadas co fomento de emprego, coa modernización da administración, co acceso ás novas tecnoloxías da información, coa eficiencia enerxética, coa promoción da paisaxe cultural e do patrimonio inmaterial e coa inclusión dos colectivos menos favorecidos”, sinalou o alcalde, Xosé Represas.

Se a axuda fora concedida poríanse en marcha grupos de traballo coa veciñanza, asociacións e axentes locais co fin de definir os proxectos concretos a desenvolver dentro da idea xeral de facer unha cidade máis amigable. Ao mesmo tempo, dende o Concello, crearíase unha comisión especial de seguimento na que estarían representados todos os grupos da corporación.