Ponteareas opta a fondos europeos para a posta en valor do xacemento arqueolóxico de Troña

Ponteareas opta a fondos europeos para a posta en valor do xacemento arqueolóxico de Troña

As instalacións albergarán un Centro de Interpretación e de recepción de visitantes e realizaranse actuacións sobre o propio castro para a súa recuperación e conservación

O Concello de Ponteareas postulouse para obter fondos europeos cos que levar adiante un novo proxecto para a creación dun espazo multifuncional aberto á veciñanza que albergará un Centro de Interpretación e de recepción de visitantes do Castro de Troña. Para levar a cabo este proxecto, que suporá un investimento de case 3 millóns de euros, o Concello presentou a súa candidatura ao programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio con uso turístico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

“Este proxecto permitirá impulsar o noso patrimonio cultural e atraer visitantes interesados en descubrir a nosa riqueza histórica. Será un reclamo importante co que seguir promovendo un turismo sostíbel, poñendo en valor o noso patrimonio e ofrecendo experiencias enriquecedoras ao público”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.

As novas instalacións estarás situadas nunha parcela no barrio do Outeiro, en Pías, que na actualidade conta cunha vivenda de planta baixa e baixo cuberta, unha edificación auxiliar e un almacén. Ademais a intervención inclúe a actuación na edificación auxiliar existente na propia contorna do castro, creando un centro de interpretación integral que dea apoio á persoa visitante e complete a súa experiencia.

Entre as actuacións que se realizarán ao abeiro deste proxecto, están a recuperación e rehabilitación do castro a través do control da vexetación para evitar a proliferación de especies arbóreas invasoras e procederase á reexcavación de zonas xa escavadas en campañas anteriores e de novos puntos de interese para completar a interpretación de zonas xa intervidas. Tamén se restaurarán e recuperarán elementos xa escavados e aqueles novos que se descubran nunha nova actuación, así como os elementos etnográficos de interese que se atopan na contorna do xacemento. Ademais, crearase un itinerario para fomentar e garantir un bo uso turístico e cultural do espazo.

Como sinala a concelleira de Turismo, Eva Gil, “o proxecto abórdase dende a perspectiva de centralizar e potenciar a relación do visitante co Castro de Troña e coa contorna social dos veciños e veciñas, apoiándonos espazo propicio e xerando un espazo público aberto a visitantes e veciñanza”.

O proxecto contempla a creación dunhas instalacións altamente eficientes cun baixo consumo e cunha reducida pegada de carbono tanto na edificación que actualmente é vivenda como na situada na contorna do castro. O obxectivo “é potenciar a actividade cultural, social e turística da parroquia, devolvendo ao mesmo tempo o prestixio ao Castro de Troña, garantindo a conservación, mantemento e posta en valor do xacemento para conseguir un modelo turístico competitivo e sostíbel”.

As instalacións estarán situadas a escasos 200 metros do xacemento arqueolóxico cun aparcamento tanto para vehículos como para autobuses moi próximos. Contarán cun auditorio que acollerá diversas actividades, así como dunha sala para obradoiros e outra de exposicións, que contará cunha innovadora exposición permanente formada por paneis, audiovisuais e pezas documentadas a través das que se contará a historia do Castro de Troña. Por outro lado, a pequena edificación situada na cima do xacemento empregarase como espazo complementario do Centro de Interpretación e albergará unha innovadora exposición sobre os aspectos máis relevantes e enigmáticos da cultura castrexa.