Ponteareas ofrecerá un curso de monitor de ocio e tempo libre

Dará comezo o vindeiro sábado 19 de setembro e estará subvencionado pola concellería de Mocidade, xestionada por Verónica Carrera

O prezo do mesmo será de 110 euros e aínda quedan prazas disponibles para realizar a inscrición

C monitores ponteareas galegoV3A concellería de Mocidade do Concello de Ponteareas, dirixida por Verónica Carrera, porá en marcha un curso de monitor de ocio e tempo libre que dará comezo o vindeiro sábado 19 de setembro e rematará o próximo 21 de novembro. A formación, subvencionada polo propio consistorio, terá un custo de 110 euros e o seu pagamento poderá ser efectuado de maneira fraccionada.

O curso consta dunha parte teórica, que terá un total de 200 horas, e outra práctica, na que se impartirán 150 horas máis, e que contempla a posibilidade de desenvolver unha acampada cuxa data está por definir en función da climatoloxía.

O obxectivo da posta en marcha desta instrución por parte da concellería de Mocidade non é outro que o de formar ás persoas participantes para que sexan capaces de realizar actividades socioculturais e recreativas, tanto nun contexto urbano como natural, ademais de ofrecerlles un campo máis onde poder atopar unha saída laboral.

Trátase dunha formación que será impartida os sábados e domingos en horario de 09:00 a 14:00 horas polas mañás, e en horario de 16:00 a 21:00 horas polas tardes. O período de inscrición aínda está aberto até completar as 25 prazas. Algunhas destas prazas xa están cubertas porque este curso xa fora ofertado polo anterior goberno local, sen que finalmente chegara a celebrarse debido á mala xestión do anterior executivo.

Todas aquelas persoas interesadas deben ser maiores de 18 anos, estar en posesión do Graduado en Educación Secundaria ou do Técnico Auxiliar en Formación Profesional e poden informarse a través do enderezo electrónico aedl@ponteareas.es e do número de teléfono 618  705 618.