Ponteareas ofrece ‘Petiscos de lingua’ para achegarse á literatura popular galega

Migallas Teatro representará este venres 11 (18.00 h) na sala multiusos esta obra ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes

Ponteareas ofrece ‘Petiscos de lingua’ para achegarse á literatura popular galegaMigallas Teatro chega este venres 11 de novembro á sala multiúsos do auditorio municipal para facer gozar ao público coa representación de ‘Petiscos de lingua’, un espectáculo dirixido a público infantil e familiar co que se busca dar a coñecer e fomentar a práctica de ditos e recitados da literatura popular de Galicia e apoiar a transmisión interxeracional da lingua.

Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros atractivos recursos ofrécese ao público dun xeito divertido unha escolma de ditos populares recollidos na serie de vídeos realizada pola propia compañía teatral baixo o nome de ‘Brincadeiras da lingua’.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, convida á veciñanza a achegarse ata a sala multiúsos para gozar deste espectáculo cheo de bo humor e curiosidades que será representado ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), da que forma parte o Concello de Ponteareas.

A actividade comezará ás 18.00 horas e será de balde, con entrada libre ata completar aforo.