Ponteareas ofrece apoio a través dunha charla ás familias afectadas pola Diabetes

Con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra cada 14 de novembro, Ponteareas amosa o seu apoio e compromiso cos e coas pacientes desta doenza. Este venres, a través da web municipal e das redes sociais do Concello, poderá seguirse unha charla baixo o título “Como negociar cos/coas adolescentes”, organizada pola Concellaría de Saúde e a Asociación Anedia –Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia -.

 

No marco dun proxecto de apoio psicolóxico para as familias, a coach Ana Couto dirixirase a través das pantallas ás familias con adolescentes afectadas pola diabetes para ofrecerlles asesoramento e orientacións para o seu día a día.

 

A Concelleira de Saúde, Cristina Fdez. Davila, sinalou que “a situación de pandemia actual pon de manifesto a importancia de que as persoas que padecen esta enfermidade crónica poidan autocontrolar os seus niveis de glicosa en sangue·. A concelleira, na liña do manifesto da asociación polo Día Mundial da Diabetes, considera “fundamental contar con recursos e persoal sanitario para non desatender o seguimento destes pacientes, que precisan unha atención integral de calidade para poder asumir a parte da enfermidade que lles toca xestionar”.

 

Durante estes días, a fachada da Casa do Concello loce unha pancarta e un lazo para axudar á visibilizar esta enfermidade.