Ponteareas ofertará por vez primeira o título de Adestrador Básico de Fútbol (antigo Nivel 1)

Por primeira vez, Ponteareas ofertará o curso de adestrador Básico de Fútbol, que habilita para a Licencia UEFA B. Esta titulación substitúe ao antigo Nivel 1, en base ás Directivas que regulan a Convención da UEFA sobre titulacións técnicas e ao programa de educación de adestradores da UEFA, aprobado polo Comité Executivo da UEFA o pasado 14/12/2014 e ratificado pola RFEF en Xaneiro de 2015. Esta titulación cualifica para poder adestrar equipos de fútbol base, da Liga Galega Infantil, da Liga Galega Cadete, da División de Honor Cadete e da Liga Galega Xuvenil.
Este curso será ofertado pola Escola Galega de Adestradores, dependente da Federación Galega de Fútbol, en colaboración coa Concellería de Deportes de Ponteareas, dirixida por Benito Márquez. Esta colaboración xa permitiu no mes de maio e xuño deste ano ofertar na nosa vila o curso de monitor de fútbol base, que tivo unha aceptación moi significativa.
“Xa no anterior curso de monitor de fútbol base, no que se ofertaba un máximo de 35 prazas, o número se tivo que ampliardebido a alta demanda de solicitudes, que pasaron das 50 finalmente. Xa naquel momento solicitamos á Escola de Adestradores e á Federación Galega de Fútbol que ofertasen este curso en Ponteareas,dada a alta demanda existente”.
Este curso ten por finalidade proporcionar aos alumnos unha formación a través da cal se adquiran os coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver a súa labor mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas polas Federacións de Fútbol de ámbito autonómico e da Real Federación Española de Fútbol.
“É importante que Ponteareas ofreza máis accións formativas deste tipo e que se converta nun referente na provincia de Pontevedra. Queremos que os veciños que desexen facer este tipo de formación non teñan a necesidade de desprazarse a outros concellos. Xa o anterior curso de monitor de fútbol base tivo unha enorme aceptación, duplicándose os inscritos previstos, e agardamos que esta vez sexa igual”, indicou Benito Márquez, concelleiro de Deportes.
O Curso comezará no mes de outubro, e as clases impartiranse os luns e os mércores de 19:30 a 22:30. O número mínimo de alumnos para que se poida desenvoler o curso en Ponteareas é de 20, estando limitado a un máximo de 35. A inscrición farase de xeito online na seguinte dirección web http://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_EE_GstInscripcion?cod_primaria=5000446 A data límite para poder inscribirse é o 08 de setembro de 2017. Máis información na páxina da Federación Galega de Fútbol, onde se poderá descargar a convocatoria completa do curso.