Ponteareas obtén o recoñecemento de Unicef como Cidade Amiga da Infancia

Ponteareas obtén o recoñecemento de Unicef como Cidade Amiga da Infancia

 

O Concello leva traballando dende 2018 para acadar este selo, que supón un paso máis no impulso de políticas municipais que garantan o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes

 

Ponteareas súmase dende hoxe mesmo á familia de Cidades Amigas da Infancia, unha distinción outorgada por Unicef España que recoñece o interese do Concello por mellorar o benestar da infancia e adolescencia. Un traballo que se leva a cabo impulsando políticas municipais que garantan o desenvolvemento integral dos nenos, nenas e adolescentes con políticas públicas baseadas nos seus dereitos; dándolle pulo a alianzas entre todos os actores relacionados coa infancia a nivel municipal e  aplicando mecanismos reais de participación infantil e unha estratexia a longo prazo coa que incorporar o parecer de nenos, nenas e adolescentes ás decisións políticas que lles afecten.

 

“Para nós é un orgullo recibir esta distinción, que supón un recoñecemento ao traballo constante realizado nos últimos anos para conseguir que Ponteareas sexa un concello no que infancia e adolescencia formen parte activa da nosa política local, dándolles voz e voto e permitíndolles achegar o seu gran de area naqueles aspectos que lles afectan directamente”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Na IX Convocatoria de Recoñecementos 2021-2025, Ponteareas foi o único municipio galego en recibir por primeira vez este distintivo, que é concedido pola Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, da Federación Española de Municipios e Provincias, do Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia e Unicef España. Un recoñecemento que gana peso coa situación sanitaria, xa que como recolle a notificación oficial “foi un ano moi difícil e sabemos que estivestes en primeira liña respondendo ás necesidades da cidadanía, sen deixar atrás aos nenos e nenas”.

 

Ponteareas leva traballando dende 2018 para conseguir este recoñecemento. Dende entón, e cunha grande implicación por parte dos rapaces e rapazas, “piar fundamental deste proxecto”, o Concello artellou unha serie de ferramentas coas que fomentar a participación infantil e que as súas opinións sexan tidas en conta.

 

Así, púxose en marcha un proceso de participación infantil no que nenos, nenas e adolescentes de todos os centros de ensino ponteareáns teñen a oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que lles preocupan, así como tamén achegar propostas de solución que consideren aos plenos infantís. Este proceso deu como froito o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia de Ponteareas, un órgano de carácter consultivo e informativo que representa ao conxunto da infancia e da adolescencia do municipio. O proxecto continuou coa realización dun diagnóstico da realidade como paso previo á elaboración dun Plan local de Infancia e Adolescencia aprobado por unanimidade en pleno e que desenvolverá as medidas e actuacións que se porán en marcha para garantir a promoción, provisión e protección dos dereitos da infancia nos próximos anos.

 

Esta iniciativa foi posta en marcha pola Concellaría de Ensino dirixida por Fernández Davila, aínda que implica a todas as concellarías do Goberno municipal, así como a coordinación con outros actores locais para xerar mecanismos reais de participación infantil.

 

Dende este momento e durante os catro anos de vixencia deste recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, Ponteareas continuará traballando no seu compromiso por consolidar espazos de participación infantil e adolescente e obter resultados medibles que melloren o benestar da infancia da vila.

A causa das especiais circunstancias provocadas pola actual situación sanitaria, Unicef organizará unha gala virtual de entrega de galardóns o vindeiro 14 de xullo.