O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Ponteareas, na súa sesión do día 21 de abril, acordou nomear, por unanimidade, o profesor e investigador ponteareán Francisco José Peña Castiñeira como Fillo Predilecto de Ponteareas.
Francisco José Peña Castiñeira, nado en Ponteareas en 1955, destaca pola súa proxección e aposta pola educación e a saúde ambiental en Galicia, non quedando o seu labor na comunidade galega senón traspasando as nosas fronteiras, acadando un recoñecido prestixio internacional como investigador, defensor e comunicador, en materia de medio ambiente e saúde. Peña Castiñeira é considerado o pioneiro e impulsor da saúde ambiental en Galicia. Como divulgador, a súa obra publicada consta de 70 libros e 255 publicacións científicas e de divulgación relacionadas coa problemática hixiénico- ambiental.
A súa dilatada traxectoria académica e profesional, con máis de 35 anos de actividade, ten recoñecido prestixio e é coñecido en medios nacionais e internacionais como un avanzado ambientalista, labor que se traduciu en múltiples recoñecementos como, entre outros, no outorgado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a través da súa Oficina Rexional para Europa de Saúde Ambiental, 1988, pola súa valiosa contribución ao Proxecto Europeo “Healthy Cities”, da Oms. Así mesmo foi merecedor de 9 premios de investigación científica, 27 recoñecementos, así como múltiples distincións e galardóns, entre os que se poden nomear a mención honorífica da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia ou o Premio Juan de la Senra, concedido pola Real Academia de Farmacia do Instituto de España, entre outros.
A súa traxectoria de profesor e investigador foi tamén recoñecida a nivel local e comarcal con diferentes recoñecementos e premios, como entre outros, o “Premio Cumbres del Suído”, 2013, na categoría de Investigación Científica e Técnica. Recentemente, en novembro de 2014, dentro da XX Semana Europea da Calidade, levada a cabo en Ourense, o profesor ponteareán Francisco Peña Castiñeira recibiu a distinción especial á súa traxectoria profesional, outorgándolle o “Premio a unha traxectoria”, dentro dos Premios “Líderes en Calidade”, outorgados polo Comité Executivo de Expourense, pola súa
proxección e aposta pola educación e a saúde ambiental en Galicia, non quedando o seu labor na comunidade galega senón de recoñecido prestixio internacional como investigador, defensor e comunicador, en materia de medio ambiente e saúde.
O carácter de ponteareán orgulloso da súa terra lévao a implicar ao Concello de Ponteareas en múltiples encontros e proxectos, como no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, organizados durante varios anos baixo a súa dirección e conta no seu haber coa publicación de libros relativos a proxectos celebrados en Ponteareas así como diversos artigos publicados en xornais e revistas de ámbito ponteareán, ou noutros xornais autonómicos sobre temas de Ponteareas como, por exemplo, “Os cen anos da restauración do Convento de Canedo”.