Ponteareas modificará o regulamento do Consello Sectorial Social e eliminará a taxa municipal aplicada ao servizo de atención temperá

A primeira proposta, levada a pleno por parte do concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, foi aprobada por unanimidade

O novo texto do Concello Social nace co obxectivo de formar un órgano consultivo máis aberto, onde estean recollidos os criterios de todas as asociacións que levan anos traballando neste eido

A supresión da taxa do servizo de atención temperá, proposta pola concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, pretende cumprir coa normativa autonómica vixente

Q55A3978

Manuel Troncoso, concelleiro de Servizos Sociais

A corporación do pleno do Concello de Ponteareas vén de aprobar por unanimidade a modificación do regulamento do Consello Sectorial Social. Trátase dunha proposta que foi presentada polo concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, e que ten o firme propósito de formar un órgano consultivo aberto e eficaz, no que estea recollida a experiencia dos máis de 20 colectivos que levan anos traballando na vila co obxectivo de paliar a desigualdade social.

Troncoso pediu a todos os membros da corporación “traballar de maneira conxunta para conseguir un concello máis xusto e no que impere a igualdade”, unha meta que “pode estar máis preto se temos en conta as demandas e as opinións de todas as asociacións”.

O consello sectorial social funcionará “con vocación aglutinadora e de consenso”, por iso dentro do mesmo “estarán representadas todos os colectivos e por todas as formacións políticas, mesmo aquelas que non teñen representación municipal pero si desenvolven unha actividade no concello”.

Deste xeito, o órgano consultivo estará formado polo alcalde de Ponteareas ou o concelleiro no que o rexedor delegue, que actuará como presidente, e os seguintes membros en calidade de vocais: o concelleiro de Servizos Sociais; a concelleira de Igualdade; un membro de cada grupo político con representación municipal; un membro de cada grupo político sen representación municipal; un representante de cada asociación e colectivo sen ánimo de lucro que realice actividades sociais demostradas en Ponteareas; un representante de cada organización sindical no ámbito da Comunidade Galega; un representante da FANPO e de cada ANPA con actividade no municipio e un responsable técnico dos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas, que actuará como secretario e terá voz e voto.

A sesión plenaria tamén permitiu que a corporación municipal aprobara a supresión da taxa municipal que se viña aplicando ao servizo de atención temperá, dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. Trátase dun servizo prestado dende o centro municipal Asprodico  e cuxo principal obxectivo é o de facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal destes cativos e a súa inclusión social.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, lembrou que “a subvención concedida pola Consellería de Benestar Social para adherirse á Rede Galega de atención temperá, a cal posibilita a prestación deste servizo, inclúe unha transferencia para a cobertura deste tipo de asistencia, polo que co cobro dunha taxa municipal estase establecendo un copago aos usuarios que, segundo a propia Consellería, resulta completamente improcedente”.

Carrera quixo salientar o encomiable labor que se leva desenvolvendo dende hai anos polas traballadoras do servizo de atención temperá, ademais da súa “satisfacción pola recuperación da gratuidade dunha asistencia básica para moitos veciños e veciñas da vila e pola eliminación dun copago que xa duraba máis dun ano”.