Ponteareas marabilla ao público do Culturgal coa mostra da nosa cultura

Os días 1, 2 e 3 de decembro tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a X Feira de Industrias Culturais de Galicia – CULTURGAL 2017 no que participou o Concello de Ponteareas. 

O evento ten como finalidade fomentar a contratación de empresas e colectivos culturais de Galicia, amosándose coma unha plataforma única de publicidade e de intercambio comercial de amplo alcance. 

Un ano máis, o Concello de Ponteareas quixo tomar parte desta importante cita do calendario cultural galego contando cun stand informativo no que expuso 6 bloques de industrias culturais destacadas da nosa cidade.

No espazo principal desta Feira, ante a atenta mirada dos visitantes do Culturgal, tiveron lugar as actuacións do cuarteto da Banda de Gaitas Tremiñado e do Rancho de Reis de Fozara. Ademais, proxectouse un vídeo promocional para animar a todas as persoas a visitar Ponteareas e coñecer os recursos turísticos dos que dispomos. 

Na presentación, o alcalde, Xosé Represas, acompañado da concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, destacou o enorme patrimonio musical co que conta Ponteareas, sendo un piar fundamental dos recursos turísticos da nosa vila. Así mesmo, convidou aos presentes a achegarse a Ponteareas para contemplar estas actuacións musicais, que terán espazo na programación de nadal elaborada polo Concello de Ponteareas.